exposició
Poemoria
Anxo Baranga, Benxamín Álvarez, Cruz Rivacoba, David Tarancón, Joan Pallarés, José Antonio Troya, Manuel Ruz, Marc Vilallonga, Ramon Suau, Xesco Mercé
del 13 de juny al 13 de juliol de 2008
 

Aos tres días de fatigoso camiño,
o s exploradores trouxeron novas ao xeral:
viran, ao fin, estraños homes
ao parecer cubertos con peles de lobo
que se escoaban entre a néboa e os castiñeiros,

Lucio Anneo Floro
Epítome da Historia de Tito Livio

2147 anos despois de que os soldados da Lexión Sétima Gemina, ás ordes do taimado Quinto Servilio Cepión, penetrasen entre as brumas desta terra ignota e salvaxe, a punta de lanza doutra expedición, moito máis amable nos seus propósitos, a lombos de furgoneta penetra serpenteando entre os bosques e a pedra deste país, antesala sen retorno do fin da propia Terra. Aínda que guiados por pródigos indíxenas, as mesmas sensacións que perlaron a fronte e erizaron a pel de curtidos lexionarios, mestura indisoluble de atávico medo e efervescente expectación, adiviñase nos ollos atentos destes modernos pioneiros, sabedores de que se meten nun territorio de cuxa memoria nunca poderán fuxir. Aqueles chamaron a este lugar Gaellecia, estes chamarana Poemoria.

O cónsul Cepión pasou á historia como xeral mediocre, arteiro e hipócrita e, quizais por iso, vencedor. Con trampas de raposo someteu a esta terra de lobos e resumiu a súa truculenta labor cunha celebérrima cita: "Roma non paga ós traidores". Iste puñado de verbas exemplificou, como poucos, o espertar atónito dun pobo intemporal diante dun novo amencer de estridente e incomprensible luminosidade: a Civilización. Os antigos adoradores de Lugh, rexente do universo e rei dos deuses, señor de todas as artes e as ciencias, da terra, das viaxes e da invención, coñeceron con esas seis verbas a que sería a sua nova lingua, o nome da súa metrópole, para saber a que amo temer ou combater, e a perfidia sutil de novas ciencias, chamadas política e economía.

Nestes tempos de capitalismo salvaxe aquí chegan, por fin, os viaxeiros de La Xina A.R.T. cun morral cheo de súbitas imaxes e rumiadas verbas e outro adrede baleiro para enchelo de experiencias e visións e logo espremelo para que agrome, como un vento, a música coloreada da súa lembranza noutros mares menos azuis e noutras terras máis brancas.